martes, 14 de julio de 2009

César e Maruja

Esta foto ben podería ser a escena final e feliz dunha película. O meu pai semella un John Wayne tranquilo que cría canarios para mellorar a economía familiar (plumas sen indios!). A miña nai vese feliz, a pesar de ser sete as bocas que alimentar e sete as roupas que lavar (daquela non había lavadora).


Esta é unha das fotos familiares máis entrañable. Mirando esta foto dinme de conta que me meu pai era un gran retratista e tamén que a felicidade conténtase con cousas tan sencillas como pasar unha tarde no río Miño, na praia da Metralla, respirando aquel aroma de milherbas na fin da tarde.

A miña nai parécese, nesta foto, a Anna Magnani, semella a firmeza e a dozura dunha nai entregada a súa familia. A miña irmá maior, Maite, ten un aspecto que reflicte outras épocas, aínda máis escuras, da España famélica da súa nenez. Pola dereita, Pepe presume de ter xa cumpridos os dezaseis anos, por iso leva o pantalón largo e mira con desafío ao obxectivo da cámara do meu pai. Na outra beira, Luís, a pesar de ser o loiro de ollos azuis da familia, asume resignado o seu pantalón curto, mentres a miña nai lle recorda que só se levan once meses...No centro está César (Cholo), un neno sensible, cariñoso e tímido.

Daquelas tardes lembro o son dos grilos nos campos, o aroma de milherbas e o tacto da brisa fresca entre as follas das acacias da Metralla. Non lembro esa escena, pero si aquela silla que atopei anos despois na bodega da casa e que escacharrei como carrilana polas costas da plazoleta e pola rúa Tide...



jueves, 9 de julio de 2009

Agasallo de aniversario

O mellor agasallo no día do meu aniversario foi esta estampa da miña nai. En realidade é a ela a quen debiamos felicitar por terme parido o primeiro martes de xullo do ano 1963, contra as dez e media da noite, naquel hospital militar de Pontevedra e asistida por unha parteira ansiosa por ir ó teatro xusto na hora en que eu tiña que nacer.



Quen me coñece -de seguro estará sorrindo ao saber destas circunstancias- pode constatar que o ambiente si marca o meu carácter traxicómico e o meu espíritu de mando.

Meu pai, carabineiro na fronteira de Tui, tiña un aspecto serio fóra da casa, pero era moi afín ao desenfado, ás bromas e as festas. Miña nai era realmente a que mandaba nos lindeiros do fogar e tiña máis poder na argumentación e no xogo do tute. Meu pai cabreábase moito porque ela era un pozo sen fondo: sempre gardaba os trunfos e as briscas para o final. Meu pai facía trampas no intento de gañar algunha partida...

Maruja da Casanova,

miña mai,

coma ti, ningunha!

miércoles, 8 de julio de 2009

O Paraíso de Lagos

A praia de Lagos en Beluso - Bueu, ben pode ser o escenario de calquera significación do termo "paraíso".

Imos propoñer a de lugar apacibel e delicioso onde sen dúbida moraron e/ou namoraron deuses e/ou humanos (supoño que aquí non hai que poñer ningunha limitación de xénero, nin especie...)

O Solpor é unha debilidade no paraíso. As nubes vístense de cores intensas para ir á festa do sol xunto ó Faro de Ons. Nunca vin tanta elegancia feita de auga e luz.
Bañarse en Lagos é acariñar o paraíso.

martes, 7 de julio de 2009

As Tataranetas do xastre

Estas parruliñas na procura de aventuras mariñas son Martina e Nora. No verán investigan a costa galega de Aguiño e, entre dunas de sol, o vento leva as súas preguntas e a auga deixa as súas pegadas na area....


Como xa está aquí o verán, quero darlles un biquiño a elas e a súa nai Paula (bisneta do xastre).
Cando Paula era pequeniña, iamos cos meus pais á Camposancos-A Guarda (aínda que mellor república independente). No Puntal as rocas e a marea subida crean unhas pozas ideais para o baño e, algunha vez, coa sorpresa de atopar algún cardume de xoubas despistadas que colliamos co seu cubiño de praia. Ela seguro que se acorda da sopa de fideos que a súa avoa Maruja levaba no termo, co osiño de costela e todo (a avoa é unha terra nai de fábula que pensa en todos) para coidar, especialmente, da úlcera do seu home; por non falar da súa famosa empanada, tortilla, bistés rebozados e ensalada de tomate con cebola...Aquelo si foi infancia feliz.
Tamén lembrará as canas de pescar do avó César e aquelas escurridizas anguías que logo fritidas ou na famosa empanada sabían a gloria.
Supoño que a vida en Madrid ou calquera outra gran urbe ten moitas vantaxes e ofrece moitas oportunidades, pero onde se curan as feridas do asfalto é coa mirada da infancia, aquela que non se esquece, aquela que era tan feliz.

http://www.flickr.com/photos/paulaarmesto